O voluntariado ambiental xuvenil retoma as actividades cunha limpeza na contorna da Ponte das Partidas

Este mércores 31, o voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas retoma as súas actividades convocando a veciñanza da vila a participar nunha nova limpeza nas beiras do río Tea. Neste caso, o punto de encontro será ás 17 horas na Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, dende onde se procederá á limpeza de residuos que se atopen na zona de praia e nos seus accesos.

A Concellaría de Mocidade e Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, informa que para participar nesta actividade é preciso inscribirse no correo electrónico voluntariado@ponteareas.gal, ou no teléfono 687764516, que tamén está a disposición das persoas que queiran recibir máis información. A actividade desenvolverase de xeito seguro e seguindo os protocolos que require a actual situación sanitaria.

Concienciar á mocidade da importancia de conservar o noso medio natural, por en valor o patrimonio medioambiental e traballar en equipo para acadar unha vila máis sostíbel son algúns dos obxectivos das actividades do voluntariado ambiental xuvenil.