O servizo de grúa municipal de Ponteareas prestouse sen contrato nos últimos nove anos

A concelleira de Seguridade, Vanesa Fernández, que puxo fin a situación irregula,r cualifica os feitos como “moi graves” e explica que “son un novo exemplo do absoluto descontrol no que nos atopamos o Concello”

A Policía Local precinta vehículos no depósito municipal onde se descubriron materiais de orixe presuntamente ilegal e se descoñece o paradoiro doutros vehículos

reunion-ojea

Vanesa Fernández, Xosé Represas e María Jesús Garrote nunha reunión mantida con representantes da empresa Ojea durante o pasado mes de xullo

O novo goberno municipal de Ponteareas revelou que o servizo de grúa municipal se estivo prestando sen contrato durante os últimos nove anos. O servizo adxudicouse en 2001 por un período de cinco anos. Dacordo co informe do asesor xurídico municipal o servizo veuse prestando desde 2006 “sen amparo contractual”.

A Concelleira da Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández Soage, tomou, como unha das primeiras medidas levadas a cabo ao frente da Concellería, unha investigación do estado dos servizos prestados no seu departamento.

Como consecuencia disto, o Alcalde, Xosé Represas, e a concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, ordenaron á Policía Local abrir unha investigación interna que concluíu co precinto de todos os vehículos existentes no depósito municipal, algúns sen placa de matrícula, e un informe que foi trasladado á Garda Civil e será remitido á Fiscalía ante as sospeitas de que en dito depósito existan vehículos e materiais de orixe ilícita. Tamén se descoñece o paradoiro doutros vehículos que foron retirados da vía pública e sobre os que o adxudicatario aínda non deu explicacións.

Ao mesmo tempo o Goberno Local acordou dar por finalizada a prestación do servizo ao anterior adxudicatario e contratar provisionalmente o mesmo a un taller local para garantir a continuidade do servizo de grúa, mentres se tramita un novo expediente de contratación.

Para a Concelleira de Seguridade, estes feitos “son un novo exemplo do absoluto descontrol no que nos atopamos o Concello. A empresa da grúa nin sequera facturaba ao Concello os seus servizos, como estipula a lei e o contrato, senón que cobraba directamente en man aos cidadáns. Ninguén controlaba o depósito dos vehículos, o uso que se facía deles e o seu destino final. Os feitos son moi graves”, apuntou Vanesa Fernández.

Ademais, o representante legal da empresa concesionaria, disfrutaba tamén desde 2001 dun contrato de aluguer dunha vivenda municipal polo que, segundo informa o asesor xurídico en base aos datos da tesourería municipal, nunca pagou ningunha renda, adebedando uns 20.000 euros, dos que o Concello tan só poderá recuperar 6.000 ao ter prescrito o resto das cantidades que non foron reclamadas polos anteriores gobernos. Segundo o alcalde, Xosé Represas “trátase dun novo exemplo do descontrol económico que reinou no Concello durante as últimas décadas”.