O Pleno de Ponteareas aproba o Plan Normativo Municipal para o 2017

A proposta presentada polo Goberno local contempla a revisión de distintos regulamentos e ordenanzas actualmente en vigor e a creación de outras encamiñadas á axilización de administración local

O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas aprobou unha iniciativa presentada polo Goberno local pola que o Concello ponteareán axustarase directrices marcadas na Lei de Procedemento Administrativo que sinala a obriga das administracións públicas “de aprobar anualmente e publicar no portal de transparencia “un plan normativo” que conteña todas as normativas que se pretendan aprobar no ano seguinte”.

Ao abeiro do Plan Normativo, o Concello revisará e modificará un total de 13 ordenanzas e regulamentos que actualmente están en vigor, mentres que creará outras sete de cara a conseguir unha administración local máis áxil e que poida dar resposta ás necesidades da cidanía.

Para establecer os marcos de actuación, os concelleiros e concelleiras do Grupo de Goberno fixeron un análise detallado das súas respectivas áreas, de cara a concretar as necesidades das mesmas.

Tal e como sinala o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, “o Plan está acompañado dunha proposta para someter á consulta pública previa as ordenanzas que se pretenden regular, facilitando así o acceso da cidadanía á xestión municipal e sometendo a acción de goberno ás aportacións e opinións da cidadanía”.

As ordenanzas que serán obxecto de revisión serán as de Axudas de Emerxencia Social, taxas do cemiterio municipal, taxas por licencia de apertura de establecementos, dereitos e taxas pola concesión de licenzas para construción, obras e instalacións; caixeiros automáticos e máquinas expendedoras nas fachadas dos inmobeis con acceso directo dende a vía pública, taxas por dereitos de exames, imposto sobre vehículos de tracción mecánica, imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, expedición de documentos administrativos, intervención municipal respecto das actuacións comunicadas en materia de urbanismo, taxa por utilización das instalacións do mercado de abastos e ordenanza xeral de circulación.

Doutra banda, créanse sete novas ordenanzas como son a de regulamento da participación cidadá, cesión de uso dos Locais Municipais a asociacións e colectivos sociais, utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público polas empresas de telefonía móbil, transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos, regulación integrada do exercicio de actividades económicas e apertura de establecementos públicos, baleirado de fosas sépticas e, finalmente, unha ordenanza fiscal xeral.

O alcalde Xosé Represas salientaba a intención do Goberno que preside, de ter aprobadas todas estas ordenanzas que se propoñen “a finais de ano, para que entraran en vigor en 2018”.