O pleno de Ponteareas aproba as contas do 2014 coa ausencia do Partido Popular
A corporación desestimou as alegacións presentadas polo grupo popular e por un particular que contaban co informe desfavorable do departamento de intervención
As contas do Concello de Ponteareas do ano 2014 foron aprobadas en sesión plenaria celebrada o venres, 9 de outubro, cos votos a favor de todo o equipo de goberno municipal, a abstención do grupo municipal de Esquerda Unida, o voto en contra do grupo municipal ACiP e a ausencia, voluntaria, do grupo popular, que abandonou o salón de plenos antes de que se efectuara a votación.
A aprobación destas contas requiriu da desestimación previa de dúas alegacións presentadas por un particular e polo grupo municipal do Partido Popular. En ámbolos dous casos, o informe do departamento de intervención que acompañaba ao documento das contas do 2014, consideraba improcedentes tales alegacións.
As contas, que xa foran ditaminadas favorablemente na Comisión de Facenda e que grazas a esta aprobación plenaria poderán ser enviadas ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas para a súa análise, foron elaboradas polo anterior goberno local. O actual executivo “non comparte o criterio de gasto que se levou a cabo durante o pasado exercicio pero decide votar a favor por unha cuestión de responsabilidade e para garantir que os órganos competentes reciban a documentación nos prazos esixidos, evitando así máis bloqueos económicos”.
Devolución da liquidación do PIE do 2013
A proposta do goberno de efectuar o pagamento dos 605.436 euros á Administración Central correspondentes á liquidación do ano 2013 da participación do municipio nos tributos do Estado en 120 mensualidades, é dicir, en 10 anos, foi aprobada por unanimidade.
Axudas para o material escolar
Da sesión plenaria tamén saíu a aprobación dunha emenda a unha moción presentada polo grupo municipal ACiP sobre a creación dunha liña de axudas para a adquisición de textos e material escolar.
Dado que o informe do departamento de asesoría xurídica para sacar adiante esta moción era desfavorable por falta de competencias, a emenda verbal proposta polo goberno, en boca do alcalde, Xosé Represas, establece o compromiso de estudar unha modificación do regulamento social de emerxencia para que este contemple a dación de axudas de material escolar para familias que o precisen, ademais dunha proposta para a creación dunhas bases que permitan adquirir libros e material escolar para aquelas familias que non teñen cobertura deste tipo a través doutras administracións. A emenda contou cos votos a favor do equipo de goberno e do grupo municipal de Esquerda Unida, mentres que os grupo municipal de ACiP decidiu absterse.