O grupo Bordón Grellado, gañador do LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas

O grupo Bordón Grellado, gañador do LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas

 

Sete agrupacións participaron neste certame celebrado no auditorio municipal e que arrancou cun pasarrúas polo centro da vila

 

O grupo Bordón Grellado alzouse co primeiro premio no LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas celebrado a pasada fin de semana no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo e que contou coa participación de sete agrupacións de música tradicional “de gran calidade e alto nivel”, como salientou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, e os propios membros do xurado que estiveron na edición anterior. O grupo gañador estaba composto polos gaiteiros Miguel González Diz e Isidro Vidal Gallardo, o tamborileiro Iván Blanco Vázquez e o bombeiro Miguel Rivas Rodríguez. A agrupación foi premiada con 1.800 euros ademais de cunha gaita e cun tamboril doados por Artesanía de Galicia.

 

Tras as dúas actuacións de cada un dos grupos, o xurado outorgou o segundo premio do certame, dotado con 1.200 euros, ao grupo Arghaço, mentres que Avelaíña fíxose cos 900 euros do terceiro premio e Bran Cuartet cos 600 do cuarto. O xurado estivo composto ademais de polo propio edil de Cultura por Xosé Ferreiros, integrante do histórico grupo galego Milladoiro, e por María Belén Giráldez, José Manuel Gil, Xulia Feixoo, Antonio Gutiérrez e Sabela Olivares.

 

O concurso arrancaba quentando motores cun pasarrúas dende a Casa do Concello ata o auditorio municipal, onde ademais dos grupos gañadores tamén se subiron ao escenario os grupos As Bágoas do Toxo, Rodamuíños e Os Paporrubios. “Queremos agradecerlles a todos eles a súa participación neste certame co que seguimos apostando pola música que se fai no país, que reforza e difunde a nosa cultura. E moitísimas grazas tamén aos membros do xurado pola súa colaboración na difícil tarefa que lles tocou”, destacou Groba.

O grupo Bordón Grellado, gañador do LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas