O Goberno Municipal apoia a concentración na N-120 de hoxe convocada pola ANPA “Luis Pardo” do IES do Barral

A Comunidade Educativa do IES do Barral reclama melloras na seguridade viaria na zona de acceso ao Instituto

O día 13 ás 18 horas está convocada pola ANPA “Luis Pardo”, unha concentración na zona de acceso ao IES do Barral. Esta decisión é tomada pola comunidade educativa despois de solicitar en numerosas ocasións a Xunta de Galicia e a Fomento a toma de medidas que acaben coa inseguridade viaria e o risco para o alumnado na hora de entrada e saída ao Instituto.

Esta situación agrávase neste curso escolar, creando unha gran alarma social, debido a terse producido varios accidentes de tráfico na zona de acceso ao Centro Educativo.

O Ministerio de Fomento ten constancia desta grave situación, tras a súa comunicación por parte da Concellería de Seguridade Cidadá, á que se lle ten contestado que a zona está debidamente sinalizada.

A Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, aclara que “necesitamos iluminación suficiente, pasos de peóns á altura do Instituto, bandas reguladoras de velocidade e a correspondente sinalización, a fin de dar seguridade ao alumnado, ás súas familias e tamén ao profesorado que acude a diario ao IES do Barral”.

“Este Goberno estará o luns apoiando a toda a Comunidade Educativa a fin de conseguir un obxectivo tan razoable como é o de solicitar da Administración competente a mellora da seguridade viaria no Barral. Pola nosa parte estamos a pór os medios para contar canto antes cun proxecto que presentaremos ao Ministerio e a Subdelegación do Goberno, que demostre a necesidade urxente de acometer medidas neste sentido”, comenta o Alcalde, Xosé Represas.

O luns 20, está programada outra nova Concentración convocada pola Plataforma “polos nosos fillos” que tamén terá o soporte do Goberno Municipal.