O Goberno lamenta o atropelo e recrimina á Xunta non ter adoptado medidas nestes vinte anos

O goberno de Ponteareas lamenta o fatal suceso da mañá de hoxe na que unha veciña morría nun atropelo acontecido na estrada PO-403 en Angoares á altura do cruce dunha superficie comercial e recrimina á Xunta de Galicia non ter adoptado as medidas pertinentes nestes vinte anos de demandas veciñais.

Segundo o goberno, lamentablemente este é un exemplo dos moitos motivos que levaron durante estes anos á veciñanza a demandar urxentemente melloras na seguridade viaria que agora, unha vez máis, pedimos a Xunta que estude.

Para o Alcalde de Ponteareas a veciñanza de Moreira e Angoares e todos os que transitan esa zona está exposta a un constante perigo pola falla de seguridade viaira dende que hai vinte anos se abríu este enlace coa autovía que provoca unha alta concentración de tráfico rodado.

O goberno de Ponteareas, consciente desta situación de perigosidade, aprobou en Pleno modificar o proxecto de reforma da estrada da Xunta PO-403, considerando as demandas dos veciños de Angoares. Precisamente, dentro dese documento, recollíanse as seguintes actuacións que inciden no tramo onde se produciu o accidente:

– Establecer medidas de redución efectiva da velocidade nos treitos rectos e de pendente (a zona do accidente mortal é claramente un deses tramos)

– Mellorar e ampliar as zonas de pasos de peóns (tamén de aplicación neste mesmo lugar)

– Estudar en todo o treito medidas de mellora da accesibilidade e da conectividade co viario municipal (tamén referido a este cruce por ser un dos máis arriscados)

– Completar os percorridos peonís

– Cumprir a normativa de accesibilidade nos largos das beirrarúas ou sendas e nos pasos de peóns.

“O proxecto da PO-403 presentado pola Xunta non soluciona estes graves problemas de seguridade que se arrastran dende hai vinte anos e rexeitaron estas propostas da Corporación de Ponteareas no Parlamento Galego”, engade o Alcalde.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, lamenta este terrible accidente e adianta que se porá en contacto inmediato co delegado da Xunta en Pontevedra. Tanto a veciñanza como o goberno tamén reclaman dotar de beirarrúas á PO-403 ao seu paso polo núcleo urbano de Ponteareas, nos tramos da Avenida Castelao que carecen delas.