O Festival Groba enche o auditorio xornada tras xornada

Un auditorio a piques de colgar o cartaz de “cheo”, un público profesional e afeccionado e un escenario cos mellores músicos do panorama estatal e internacional fan que pasado o ecuador da sexta edición do Festival Groba, a organización e o concello de Ponteareas poidan dicir xa que esta última edición está sendo un éxito.

Pero todos aqueles e aquelas que aínda non desfrutaron da música clásica aínda o poden facer ata o venres 24 de agosto no que a VI edición do Festival Groba se despedirá co concerto de clausura no auditorio municipal ás 21 horas.

Hoxe mércores á hora de costume os e as asistentes a esta ocasión única de achegarse ao mellor da música clásica gozarán da actuación dos músicos Rogelio Groba (violín), Alba Reirís (cello) e Javier Vázquez (piano) “Trío de Nemetanos para violín, cello e piano interpretando unha foliada, unha cantiga, unha muiñeira, un alalá e unha pandeirada do mestre Rogelio Groba. Hércules Brass composto por Alejandro Vázquez (trompeta), Victor Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Esteban Méndez (trombón) e Rodrigo Rodríguez(tuba) interpretarán duas peza srenacentistas, a suite Dardanus, a suite Americana, Quintet, Cavalleria Rusticana Intermezzo e Distorsiones Ubedianas (Impetuosas, No espello e Fulgurantes).

O xoves 23 de agosto a música sae do auditorio para tomar o salón de plenos, a concellería de cultura recomenda asistir antes da hora porque o aforo é limitado. A música clásica materializarase grazas ao Cuarteto Ophir con Amanda Nessa (violín), Adriano Ortega (violín), Pablo Quiroga (viola) e Meritxell Llorens (cello) que agasallarán notas de adagio e allegro.

O venres 24 chegará o momento da clausura da man da Orquestra de Cámara Galega que subirá ao escenario do auditorio municipal a Sinfonía nº8 kv 414 e o concerto para piano nº13 con Sandro D´Onofrío gardando para deleite dos presentes a estrea mundial da sinfonietta Rococó en Re para despedirse de todos e todas as presentes.

O Festival Groba chega a súa sexta edición coa satisfacción de verse máis arroupados e aplaudidos ca nunca, gañando en seguidores e cobrando aínda máis nome.

Para o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, é unha satisfacción comprobar que día tras día o auditorio municipal se ateiga dun público que non quere desaproveitar esta cita única coa música clásica e completamente de balde para garantir que todos os públicos poden achegarse durante sete días a pezas e músicos de renome. Facer posible que a música clásica sexa accesible e difundir cultura é un dos obxectivos deste certame no que se dan a man os músicos de máis prestixio e os músicos noveles converténdose neste sentido tamén nunha ocasión única para estes e estas músicos máis novos que poden compartir, por vez primeira, escenario cos seus ídolos e referentes musicais.