O Concello reforza as rúas peonís como lugar de estancia coa colocación de bancos e xardineiras

31 xardineiras e 21 bancos foron colocados en 9 rúas facilitando ás persoas maiores saír da casa, relacionarse socialmente e camiñar podendo realizar paradas para descansar. Financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra

O goberno municipal de Ponteareas continua avanzando na recuperación do espazo público para as persoas e na redución do tráfico a motor e da contaminación no centro urbano. Nos últimos días concluíuse a instalación de 21 bancos e 31 xardineiras repartidas por un total de nove rúas peonís da vila, que se engaden aos 57 bancos, tanto en madeira como en pedra, instalados nos últimos tres anos nas obras de humanización de lugares como o Paseo Matutino, a Praza Dr. Fernández Vega, diante do Mercado, a rúa San Roque, a Rúa Redondela, a Praza de Bugallal ou o Complexo Deportivo Álvaro Pino e o Centro de Saúde.

A estes sumaranse antes de fin de ano 17 bancos na rúa Trobador Xoán García de Guillade e no camiño escolar até preto do alto da Gloria. Estas accións significaron que en pouco máis de tres anos Ponteareas aumentou en case o triplo o número de bancos situados en rúas, pasando de 33 a 87, e case nun 50% o total de bancos incluíndo parques e prazas, pasando de 194 a 289.

A colocación deste novo mobiliario urbano, financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, persigue varios obxectivos. Para o goberno local o espazo público e as rúas non deben ser lugares destinados unicamente aos desprazamentos senón tamén lugares de estancia e relación social de toda a poboación, pero especialmente dos máis maiores e dos máis pequenos.

Outro obxectivo que se persigue coa colocación deste mobiliario urbano e co pintado da calzada executado recentemente é que os vehículos autorizados a entrar en zonas peonís, como repartidores ou usuarios de garaxes, entendan que non é un espazo destinado ao vehículo, senón ás persoas. Os bancos e xardineiras foron colocados de forma que permiten o paso de vehículos autorizados e tamén de emerxencias, como bombeiros ou ambulancias, pero obriga a circular lentamente e con precaución, ao ter que sortear bancos e xardineiras, mellorando así a seguridade.

Ademais, o reforzamento do carácter peonil destas rúas coa instalación do mobiliario está incentivando cada vez máis o uso de vehículos non contaminantes como a bicicleta, patinetes e outros semellantes, que agora se observan con máis frecuencia no centro urbano.