O Concello presenta ao proxecto de mellora viaria da N-120 un total de 16 alegacións consensuadas coa veciñanza

O Concello presenta ao proxecto de mellora viaria da N-120 un total de 16 alegacións consensuadas coa veciñanza

 

O Goberno municipal mantivo encontros cos colectivos e veciños e veciñas das parroquias directamente afectadas polo proxecto do trazado e ofreceu asesoramento técnico a aquelas persoas que optaron por alegacións individuais

 

O Concello de Ponteareas presentou este mércores un total de 16 alegacións ao proxecto de trazado da mellora de seguridade viaria na N-120 presentado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, todas elas consensuadas coa veciñanza tras un mes de xuntanzas e encontros cos grupos políticos, con colectivos e cos propios veciños e veciñas das parroquias directamente afectadas polo proxecto do goberno do Estado para un treito de cinco quilómetros que atravesa Areas, Arnoso e Xinzo. “Traballamos todos xuntos e xuntas para mellorar este trazado, dar a solución axeitada a un problema histórico da vila e que Ponteareas conte por fin coas infraestruturas que lle corresponden”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Para conseguilo, tras unha primeira análise do proxecto, membros do Goberno municipal do BNG-PSOE mantiveron xuntanzas coa veciñanza destas tres parroquias afectadas, así como cos de Ribadetea e Padróns, cuxa estrada de acceso e saída principal se ve afectada no proxecto. “Quixemos abordar con todas e todos os afectados cuestións de interese xeral que detectamos e, ao mesmo tempo, recoller todas as súas suxestións para analizalas e incluílas no documento de alegacións en caso de que fora preciso”, explica a rexedora.

 

Con toda a información recollida, o Concello elaborou un documento de alegacións no que se recollen modificacións en aspectos como os accesos ás parroquias, a seguridade peonil, as marquesiñas de autobús ou as previsións de infraestruturas do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas. Así, solicítase ao Ministerio que o proxecto teña o seu inicio na Rotonda dos Alfombristas para favorecer a correcta comunicación das parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo co centro urbano; que se inclúan pasarelas peonís  ao longo do ponte sobre o Tea “para non deixar illados aos veciños e veciñas dunha e doutra beira e dar continuidade á actuación global”; ou a creación de sendas peonís a ambas marxes da N-120, a creación de novos pasos de peóns solicitada pola veciñanza e a incorporación de varios tramos de beirarrúas “para mellorar a seguridade viaria para os usuarios e usuarias” en diferentes tramos.

 

Nas alegacións o Concello tamén solicita que se incorporen as rotondas na Lomba e na zona de talleres Pino na saída de Ribadetea que se recollen no PXOM recentemente aprobado, así como a creación dunha nova entre a zona das naves industriais de Covelo e Hiperxel e o desprazamento da rotonda de entrada a Arnoso proposta pola veciñanza. Por outro lado, as alegacións tamén contemplan que se reforme a saída da antiga N-120 en Confurco para mellorar a seguridade viaria na zona; que se manteñan as conexións das vías municipais existentes, suprimindo todos os cortes e balizas propostas no proxecto; e que se manteñan as paradas de autobús existente e que se incorpore unha nova que substitúa á suprimida pola creación da rotonda de Xinzo, segundo os planos do documento.

 

Ademais, o Goberno municipal adheriuse á proposta veciñal de executar axeitadamente as ‘trompetas’ de entrada e saída en ata seis puntos de conexión coa N-120 dende os vieiros municipais, así como que se teñan ten conta as redes de abastecemento existentes ao longo do trazado, públicas e privadas, para que se poidan desenvolver por fóra da plataforma resultante e facilitar o seu acceso para o seu correcto mantemento e reparación.

 

Neste traballo de revisión conxunta do documento para presentar as alegacións oportunas, o Concello tamén puxo a disposición de veciñas e veciños o persoal da área urbanística para asesoralos na realización de alegacións individuais ao proxecto.

 

Tras a presentación das alegacións, o Concello continuará co seu seguimento exhaustivo de todo o proceso para garantir que se avance con axilidade e que as melloras na seguridade viaria da N-120 sexan unha realidade na maior brevidade de tempo posible, “executando as distintas fases do procedemento sen dilacións e sen retrasos”.