O  Concello organiza unha visita guiada sobre a historia da lingua galega en Ponteareas

O roteiro estará dirixido por Carlos Callón, que se porá na pel do grande escritor e intelectual Fermín Bouza Brey

A visita basearase no ensaio O libro negro da lingua galega, que xa vai na súa cuarta edición en menos dun ano

O  Concello organiza unha visita guiada sobre a historia da lingua galega en PonteareasUn roteiro para saber máis sobre o protagonismo de Ponteareas na historia da lingua galega. O Concello organiza o vindeiro venres 14 de abril unha visita libre e gratuíta que terá como cicerone a un dos fillos máis ilustres da vila, Fermín Bouza Brey. O profesor Carlos Callón porase na pel deste gran poeta e investigador, falecido hai 50 anos, para explicar tanto aspectos da represión contra o galego ao longo dos séculos como “os lóstregos na noite” que defenderon a lingua galega xeración tras xeración.

A visita sairá ás 19.00 horas da biblioteca municipal. Como conta o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, durante o percorrido faranse diferentes paradas para explicar “a loita pola recuperación do topónimo Ponteareas e o seu intento de castelanización, as primeiras iniciativas para converter o galego nunha lingua oficial nos tribunais, a represión do noso idioma nas escolas, as censuras aos libros por estar nesta lingua ou como e por que un dos primeiros volumes en galego que se publicaron tras o golpe de Estado de 1936 foi en Ponteareas”.

Este roteiro forma parte dunha serie que Carlos Callón está a realizar para dar a coñecer o seu traballo O libro negro da lingua galega, publicado pola editorial Xerais e que está a gozar dunha grande acollida tanto nas librarías, xa que vai pola súa cuarta edición en menos dun ano, como da crítica, que o colocou como finalista aos premio Follas Novas.

Para poder participar nesta visita é preciso inscribirse a través do correo electrónico lingua@ponteareas.gal ou no teléfono 986 64 00 00, extensión 1010.