O Concello insiste para que a Xunta realice un cribado en Ponteareas ao manterse o peche perimetral

Se a Xunta nos di que temos que seguir co peche perimetral porque se mantén a incidencia da pandemia en Ponteareas, é urxente que tomen o asunto en serio e actúen en consecuencia procedendo á realización dun cribado con probas masivas á nosa veciñanza. Dende o Concello xa lles temos as instalacións preparadas e recursos humanos á súa disposición”. Así o manifestou a concelleira de Saúde de Ponteareas e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, na xuntanza mantida este xoves coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade da Xunta.

 

Os datos comunicados neste encontro por parte da Xunta reflicten que o número de casos positivos de COVID-19 en Ponteareas continúa na última semana por enriba do medio cento, situándose onte xoves en 52. Isto implica unha incidencia acumulada superior a 200, polo que a Xunta mantén a Ponteareas en situación de peche perimetral, coas mesmas restricións que na actualidade.

 

O goberno local leva semanas insistindo ante a Xunta na necesidade de que a administración autonómica realice test masivos en Ponteareas. “Solicitámolo nos encontros semanais que mantemos, e ademais puxémonos en contacto co Xerente da área sanitaria de Vigo para lembrarlle a necesidade e a nosa total disposición a colaborar. A día de hoxe aínda non nos concretaron esta medida, que consideramos fundamental, xa que permitiría detectar a persoas que sendo asintomáticas poden estar contribuíndo á expansión do virus”, lembrou Fdez. Davila.