O Concello informa que a situación epidemiolóxica pola Covid-19 en Ponteareas, segundo comunica a Xunta, é similar ás últimas semanas

 

A concelleira de saúde de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, informa que, segundo os datos recibidos da Xunta de Galicia a través da FEGAMP na tarde de onte xoves e da Coordinadora do Centro de Saúde de Ponteareas, a situación epidemiolóxica do concello de Ponteareas mantense na mesma situación nas útlimas semanas, entre o nivel 1 e o nivel 2, de feito nos últimos 14 días o nivel é 2 pero en cambio si vemos os resultados facilitados pola Xunta nos últimos 7 días o nivel é 1.

O Concello de Ponteareas está en conversas permanentes coa persoa responsable da Covid-19 no Centro de Saúde local e adoptando as medidas que, en cada momento, se consideran máis axeitadas seguindo as recomendacións sanitarias da Xunta de Galicia en canto aos servizos municipais máis sensibles como a Residencia de Maiores e a Escola Infantil, así como os espazos públicos, sen que neste momento se nos comunicara a adopción de ningunha medida distinta das que xa temos implementado neste momento.

O Concello, que fai unha vez máis un chamamento á poboación a estremar en todo momento as medidas de prevención xa coñecidas, seguirá actuando con responsabilidade como leva facendo dende o 14 de marzo cando se decretou o Estado de alarma, e seguirá estando coordinado coas autoridades sanitarias da Xunta de Galicia. O Concello explica que os resultados destes meses son coñecidos e non vai entrar en ningunha polémica con ningunha forza política sobre este tema porque os esforzos hai que invertilos en reducir a pandemia.