O Concello destinará 70.000 euros ás subvencións ás comunidades de augas de consumo de Ponteareas

O Concello destinará 70.000 euros ás subvencións ás comunidades de augas de consumo de Ponteareas

As axudas permitirán realizar obras nas instalacións ou mellorar os equipamentos, o que redundará nun incremento da calidade do servizo

O Concello xa ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións municipais ás comunidades de usuarios de augas de consumo de Ponteareas, unhas axudas ás que destinará 70.000 euros para a mellora das instalacións durante o ano 2022.

A través destas subvencións en réxime de concorrencia competitiva que se levan adxudicando dende 2018, o goberno municipal busca colaborar coas traídas veciñais “para que realicen investimentos que redunden na melloría do servizo, que sirvan para fomentar o asentamento no rural, para promover o emprego local e para dinamizar o asociacionismo veciñal na nosa vila”, explica a alcaldesa Cristina Fernández Davila.

As entidades interesadas poden acceder ás bases xunto aos formularios en formato editábel a través da sede electrónica do Concello ou na páxina web. A data límite de presentación é o vindeiro 19 de setembro. Estas axudas, financiadas con fondos propios do Concello, cobren ata o 80% do investimento a realizar cun límite de 18.000 euros por traída.

Con estas axudas as comunidades de usuarios de augas de consumo poderán financiar a contratación de obras, a adquisición de materiais, a man de obra ou equipamentos asociados a melloras na captación de augas, no sistema de almacenamento e potabilización, na rede de distribución de auga e na renovación das instalacións.

Esta liña de subvencións é un paso máis no compromiso do goberno municipal coas traídas de augas veciñais para a xestión dun recurso “de vital importancia, por iso debemos colaborar todo o que poidamos coas comunidades, que están a facer un labor fundamental para que a gran maioría da veciñanza rural conte con este servizo básico e prioritario. Por iso non podemos máis que agradecerlles a súa implicación e garantirlles que dende o Concello continuaremos colaborando con elas e con todos os veciños e veciñas no que precisen”, destaca a rexedora.

Bases subvencións ás comunidades de usuarios de traídas de augas para o ano 2022

Formulario 1. Solicitude subvención Traídas de auga

Formulario 2. Certificación socios subvencións traídas auga

Formulario 3. Certificación bancaria Subvencións traídas de auga

Formulario 4. Autorización consulta datos. Subvencións traídas de auga

Formulario 5. Declaración xurada subvencións traídas de auga

Formulario 6. Conta xustificativa subvencións traídas auga

Formulario 7. Certificación xustificación subvencións traídas de auga