O Concello asesora sobre a inmersión na vida laboral a mozos e mozas de Ponteareas e a comarca

O Concello asesora sobre a inmersión na vida laboral a mozos e mozas de Ponteareas e a comarca

A Orientadora Laboral deu unha nova charla sobre o funcionamento do SEPE a alumnado do EFA A Cancela

O Concello continúa co seu labor de orientación laboral a todos os mozos e mozas de Ponteareas e da comarca. O Departamento de Orientación Laboral, dependente da Concellaría de Formación e Emprego dirixida por Vanesa Fernández, acudiu de novo ao EFA A Cancela para unha nova charla de asesoramento vocacional e formativo ao alumnado de diferentes ciclos.

Nesta ocasión, a orientadora laboral, Isabel Illán, achegouse ás instalacións do centro para explicar ao estudantado da rama de administración os aspectos máis relevantes a ter en conta no funcionamento do Servizo Público de Emprego Estatal e Autonómico (SEPE), así como as distintas actividades, obradoiros e programas aos que poden ter acceso para complementar a súa formación ou comezar a súa andaina laboral.

Para a concelleira estas charlas “son fundamentais para abrir o abano de posibilidades formativas e laborais aos rapaces e rapazas, que en moitas ocasións non saben todos os recursos que poden ter ao seu alcance e precisan a alguén que os guíe no camiño”.

Vanesa Fernández anima a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora a todas aquelas persoas que precisen información sobre a realidade laboral e as diferentes posibilidades formativas e profesionais.