O Concello abre o prazo de inscrición para o curso formativo de voluntarido ambiental xuvenil en Ponteareas

O Concello abre o prazo de inscrición para o curso formativo de voluntarido ambiental xuvenil en Ponteareas
  • Será un curso práctico con formación na natureza dirixido á rapazada de 16 a 30 anos no que se afondará sobre temas relacionados coa medio ambiente e a súa protección
  • A alcaldesa, Nava Castro, resalta que con este tipo de formacións “buscamos concienciar e implicar á mocidade na defensa da nosa contorna natural, ao tempo que lle brindamos unha valiosa experiencia práctica que lle servirá no seu desenvolvemento persoal e profesional”

O Concello de Ponteareas prepara para este verán un curso formativo de voluntariado ambiental xuvenil, unha actividade dirixida a persoas de entre 16 e 30 anos que desexen afondar en temas relacionados co medio ambiente e a súa protección.  

O curso, totalmente práctico e en contacto directo coa natureza, abordará diversas temáticas coas que poder achegarse á problemática dos residuos, ás tarefas tradicionais do rural, á identificación de rastros e pegadas da fauna, ás especies invasoras, ao río Tea e á Rede Natura 2000, á identificación de flora ou ao coñecemento do universo, así como á limpeza de ríos e montes.

As mozas e mozos participantes neste curso poderán acreditar as horas realizadas para o seu currículo ou obter créditos universitarios, ademais de acceder a unha excelente oportunidade para aprender e colaborar na conservación do medio ambiente. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de xuño. As persoas interesadas poderán solicitar máis información ou reservar praza a través do teléfono 687 764 516 ou enviando un correo electrónico a voluntariado@ponteareas.gal.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou a importancia de ofrecer este tipo de formación de balde á xuventude, cos que “pretendemos concienciar e implicar á mocidade na defensa da nosa contorna natural, tan importante na nosa vila, ao tempo que lles brindamos unha valiosa experiencia práctica que lles servirá no seu desenvolvemento persoal e profesional”.