O Barça Hóckey Patines, o FC Oporto, o HC Barcelos e o Club Hóckey Ponteareas desputarán o 2º Torneo de Hóckey Máster 35 en Ponteareas

Aberto para tódolos públicos celebrarase os días 6,7 e 8 de decembro

O Hóckey Club Ponteareas organiza en colaboración coa concellería de Deportes que dirixe Nahir Covelo o 2º torneo Máster 35 que terá lugar os vindeiros días 6, 7 e 8 de decembro.

Aberto ao público en xeral, o Hóckey Club Ponteareas convida a toda a veciñanza a desfrutar deste deporte tendo a ocasión única de ver a clubs tan relevantes como o FC O Porto, o HC Barcelos e o Barça Hóckey Patines, ademais do noso equipo local.

A categoría Máster 35 é unha das probas máis importantes e máis atractivas para o público porque supón unha oportunidade única de ver a equipos históricos e dos máis laureados brindando a desfrutar de xogadores olímpicos, campións do mundo, de Europa… os mellores xogadores da época dos 80 estarán nesa fin de semana en Ponteareas. A nivel deste torneo somentes hai un en Barcelona que cita a clubs históricos de diversos países”, explica Portu Álvarez, do Hóckey Club Ponteareas.

A entrada para adultos terá un prezo simbólico de dous euros destinado a axudar ao club que nestes dous meses de traballo xa conta con preto de 40 nenas e nenos nas súas escolas. As pequenas e os pequenos entrarán gratis.

O Hóckey Club Ponteareas recórdalle ás familias que para adestrar tan só fai falta achegarse ao pavillón municipal Álvaro Pino os luns ás 18:30 e os xoves ás 20 horas porque o club pon a disposición do alumnado os patíns e o material par que todos e todas poidan probar sen gastar cartos.

Os horarios do 2º torneo Máster 35 serán:

O venres 6 ás 19 horas o FC Oporto competirá contra o HC Barcelos e ás 21 horas xogarán o HC Ponteareas contra o FC Barcelona.

O sábado día 7 ás 17:30 horas desputarase o terceiro e cuarto posto e ás 19:30 chegará o momento da final.

O domingo día 8 ás 10:00 horas serán os máis pequenos os que se verán as caras no torneo categoría Micros. Nenos e nenas de clubs de toda Galicia gozarán dunha xornada deportiva e de convivencia na que aprender da experiencia dos demais.