Músicos destacados do panorama nacional e internacional participarán no II Festival Groba, desde o día 23 ao 30 de agosto

Medios Copia de La Voz de GaliciaPonteareas, acollerá por seguno ano consecutivo, o Festival Groba no que se mesturará a pedagoxía, con clases maxistrais e concertos no Auditorio Reveriano Soutullo, a cargo de músicos de destacada traxectoria nacional e internacional. Tanto os cursos, que terán lugar no Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, como os concertos, que se desenvolverán no Auditorio do mesmo nome, a partir das 21:00 horas, terán carácter gratuíto.

A presentación do II Festival Groba tivo lugar onte na sala de sesións do Concello de Ponteareas, estando presentes o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, xunto co secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo Suárez, e Rogelio Groba Otero, músico e fillo do compositor Rogelio Groba.

Salvador González puxo de manifesto a importancia e relevancia deste Festival Groba, que acadou un gran éxito na primeira edición, e que –espera- supere nesta ocasión a recepción e o éxito da edición pasada. Así mesmo, amosoulle á fundación Rogelio Groba o seu agradecemento pola xestación deste evento, así como quixo reiterarlle á Secretaría Xeral de Cultura a gratitude pola súa implicación e colaboración neste proxecto musical, único en Galicia e que é un referente a nivel non só galego senón tamén nacional, no que interveñen grandes artistas de recoñecido prestixio a nivel internacional.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, manifestou a satisfacción de poder apoiar este gran Festival Groba, salientando a importancia do mestre Rogelio Groba Groba, quen xunto a Reveriano Soutullo son dous dos máis importantes músicos que Galicia deu á música clásica, así como a importancia de poder difundir a cultura e realizar estes eventos importantes non só nas cidades e provincias, senón tamén desde todos os recunchos de Galicia e sobre todo desde Ponteareas, vila de grandes músicos e de forte tradición de bandas de música.

Pola súa parte, Rogelio Groba Otero, deu a coñecer a programación que se levará a cabo desde o día 23 ao 30 de agosto, no que se mestura a interpretación e a pedagoxía, volvendo a ofrecer este Festival cursos e clases maxistrais, ademais de concertos abertos ao público, de xeito totalmente gratuíto.

Salientou a importancia de contar coa Orquestra de Cámara Galega, en calidade de orquestra residente, e responsable dos concertos inaugurais e de clausura, ademais dun concerto especial de clausura, que se celebrará o día 27. Entre os artistas invitados, nomes de dilatada traxectoria e proxección internacional, serán os protagonistas dos concertos ademais dos responsables dos cursos e clases maxistrais. Nesta edición figuran nomes que xa participaron na primeira edición , como Elena Baeva (violín), André Cebrián(frauta), David Fernández(trompa9, Elena Kuznetsova (piano), ou os ponteareáns Iria Cuevas (mezzosoprano), ou o Obradoiro Vocal A Vila. Xunto a eles , poderase contar con figuras destacadas do panorama internacional actual como os violinistas Guillermo Figueroa e Mayu Kishima, as violas Kimi Makino e Kyoungmin Park, os cellistas Javier Albarés e Georgi Anichenko, o contrabaixista Milton Masciadri, os pianistas Ricardo Blanco, Yedam Kim e Arturo Rúa, o Coro de Cámara Rías Baixas e o Coro Xuvenil Cantemos.

Cómpre destacar que na presente edición, terase a oportunidade de escoitar dúas cantatas compostas por Rogelio Groba sobre textos de Xosé Filgueira Valverde, a quen se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas. Trátase da estrea da adaptación para coro e orquestra de “Anxos de Compostela” , no concerto inaugural e a interpretación da coñecida “Cantigas de mar” no de clausura.