Música e teatro amenizan a primeira fin de semana de setembro en Ponteareas ao abeiro do programa Cultura24

Música e teatro amenizan a primeira fin de semana de setembro en Ponteareas ao abeiro do programa Cultura24

As actuacións, de balde, serán nas parroquias de Angoares, Nogueira e Padróns

Música e teatro amenizarán a primeira fin de semana de setembro en Ponteareas ao abeiro do Cultura24, un programa posto en marcha polo Concello “para continuar dinamizando e enchendo de vida cada unha das parroquias da nosa vila e visibilizar o traballo que están a facer as agrupacións culturais ponteareás”, segundo explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Unha nova proposta de lecer gratuíto para toda a familia que chega con sesión tripla. As actuacións comezarán o sábado 3 coa actuación na Casa Cultural de Angoares do Grupo folclórico Os muíños de Oliveira, que fará bailar a todo o público asistente co seu amplo repertorio de pezas tradicionais galegas. A cita será a partir das 19.00 horas.

Xa o domingo 4 a protagonista será a Charanga SDK, que conquistará co seu ritmo ao público que acuda ao Centro Cultural de Nogueira ás 13.00 horas. O peche do fin de semana cultural porao o grupo de teatro Pena do Equilibrio, que levará a súa obra ‘O tiro pola culata’ ao Centro Cultural Irmáns Barcia de Padróns ás 19.00 horas.

Fernando Groba convida a toda a veciñanza a gozar da intensa programación que o Cultura24 ten preparada para esta fin de semana, que encherá de novo as parroquias da vila de lecer con selo ponteareá.