Menos dun mes para a celebración da ‘Carreira Nocturna Vila do Corpus’

O Concello de Ponteareas e a asociación de runners da vila, Corredores Festeiros, organizan a I Carreira Nocturna Vila do Corpus, que terá lugar o próximo 15 de xullo polas rúas do casco urbano.
Haberá un premio de 600 euros para o equipo que máis rebaixe a mellor marca nacional en Maratón, que está actualmente en poder de Julio Rey en 02h 06 minutos 52 segundos. No caso de que non se consiga batir esta marca, os 600 euros irán para a asociacíon Down Vigo, “asociación que leva anos traballando no desenvolvemento integral das persoas con síndrome de down, pero sobre todo loitando para que a integración social e laboral sexa real e efectiva”, sinalan dende a organización.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 01 de xullo en www.cronotec.es/informacion/html, estando xa anotados importantes corredores tanto de Portugal como de fora de Galicia, e entre eles, Antonio Tejido López, campión do 24 horas de Vigo do ano pasado 2016.
O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, animou aos ponteareáns a participar neste importante acto deportivo, sinalando que “xa facía varios anos que Ponteareas non contaba con ningunha carreira nocturna, e por iso mesmo é importante a celebración desta proba, sobre todo tendo en conta a gran cantidade de atletas e runners que temos na vila. De seguro que este evento que se inicia se converterá nun dos eventos icona da imaxe deportiva e turística de Ponteareas”.