Medio Mocea é o novo voluntariado medioambiental de Ponteareas para mozas e mozos entre 16 e 30 anos

O Concello abre á inscrición para a súa realización de xullo e setembro

A formación recibida poderase trocar por créditos universitarios.

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Benestar Social e Mocidade, xestionada por Verónica Carrera, e mais a área de Medio Ambiente, dirixida polo alcalde Xosé Represas, promoven unha nova iniciativa de voluntariado ambiental denominada “Medio Mocea”, actividade para a que xa está aberta á inscrición para a súa realización entre os meses de xullo e setembro.

O Concello de Ponteareas ten un interese especial na formación da poboación xuvenil, de máis de 16 anos do noso municipio e bisbarra, incidindo na importancia do tempo libre, especialmente no eido do medio ambiente, como recurso para o emprego da nosa mocidade. Con todo, desde a área de Mocidade animan a toda a veciñanza, de calquera idade, a participar nesta iniciativa.

Diapositiva 1

Hai unha necesidade de facer actividades formativas e lúdicas que atinxan ás mozas e mozos, e favorecer o seu desenvolvemento integral na nosa localidade. Ademais de pór os medios necesarios para que participe toda a poboación en xeral de forma voluntaria e individualmente ou en familia.

O voluntariado medioambiental Medio Mocea ofrece un obradoiro formativo que inclúe un curso de educación ambiental, software libre, compostaxe e horta ecolóxica, así coma outras actividades coma o rastrexo, unha senda interpretativa, unha carreira de orientación ou unha ruta volante polas montañas da comarca. Amais, a formación recibida poderase trocar por créditos universitarios.

A inscrición pode realizarse no 1º andar do Centro Social da rúa Oriente en horario de 9.30 a 13.30, ou ben a través do correo electrónico voluntariado@ponteareas.gal ou mediante chamada telefónica ao 673794760.