Iniciados os traballos para o acondicionamento do aparcamento en Granitos de Galicia

O Concello de Ponteareas informou do inicio dos traballos de acondicionamento do aparcamento na Avenida de Galicia, no solar da antiga empresa Granitos de Galicia. Tras lograr a cesión de 7.300 m2 do solar, a concellería de medio ambiente que dirixe o alcalde Xosé Represas procedeu nas últimas semanas á limpeza e desbroce do terreo, realizando un levantamento topográfico e un estudo de control de solos e augas. Tendo en conta o estado do solar, unha parte da superficie cedida será habilitada de inmediato polo Concello como aparcamento con 61 prazas, 2 delas para persoas con mobilidade reducida e 4 prazas para motocicletas. O resto do solar, con cabida para aproximadamente outro medio cento de prazas, habilitarase máis adiante ao requirir un acondicionamento máis complexo.

A tenente de alcalde Chus Garrote coordina os traballos para crear o aparcamento que deron comezo esta semana e consisten no peche da parcela e a delimitación da zona de estacionamento con valados, o pintado e sinalización das prazas de aparcamento así como a iluminación do recinto. A previsión é que os traballos estean rematados en varias semanas para que o aparcamento, que terá o seu acceso desde a Avenida de Galicia, entre en servizo.

Esta actuación, segundo Garrote, “axudará a desconxestionar o centro de Ponteareas ofrecendo unha alternativa de estacionamento nun lugar estratéxico”.

Por último, Chus Garrote lembra que no futuro o espazo poderá albergar un aparcamento soterrado e, na superficie, zonas verdes, destinándose o edificio de Aceros a uso público.