Iniciadas as obras do novo parque na rúa Sarmiento Rivera

Iniciadas as obras do novo parque na rúa Sarmiento Rivera

Estes traballos inclúen a humanización da rúa Curuxeira

As obras do novo parque situado na rúa Sarmiento Rivera iniciáronse esta semana cos traballos de roce e selección do arborado, así como co baleirado da construción que será obxecto de rehabilitación para uso público.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; o primeiro e segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote; e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, visitaron as obras do futuro parque, que terá preto de 3.000 metros cadrados. A rexedora salientou que esta actuación “é un exemplo da planificación e rigor co que actúa o goberno municipal. Anunciamos o pasado ano que se faría o parque e xa están as obras en marcha para finalizalas en aproximadamente dous meses”. A segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote salientou que “as obras non teñen ningún custo para o Concello grazas á aprobación do PXOM, que logramos tras 20 anos de parálise”.

A creación do parque irá acompañada da humanización da rúa Curuxeira que une a rúa Sarmiento Rivera coa rúa Redondela.

O parque contará con moito arborado de gran porte, ao aproveitarse unha parte importante das árbores xa existentes. Segundo explica o goberno municipal do BNG-PSOE, realizouse un completo informe técnico forestal que determinou que árbores se podían conservar polo seu estado ou interese e cales debían cortarse polo seu mal estado, perigosidade ou exceso de densidade. Ademais, determinouse tamén o transplante dalgúns exemplares situados fóra do ámbito do parque e a plantación de novas árbores.