Grande éxito de participación nos concursos ecuestre e canino da XIV Feira Tradicional dos Remedios

Grande éxito de participación nos concursos ecuestre e canino da XIV Feira Tradicional dos Remedios

Ponteareas acolleu un concurso morfolóxico de cans de palleiro e de eguas e sementais de pura raza galega

A Feira Tradicional dos Remedios celebrou a pasada fin de semana a súa décimo cuarta edición recuperando a mostra de gando na Feira Vella e poñendo en valor as especies animais autóctonas. Durante toda a xornada as e os visitantes puideron gozar coa presenza de exemplares de vaca rubia galega e de vaca cachena, de galiña piñeira e galiña de Mos ou de porco celta, entre outros. Unha mostra que se completou coa celebración dos primeiros concursos morfolóxicos ecuestre e canino que acolleron unha gran presenza de público e participantes.

No concurso oficial de eguas de Pura Raza Galega a gañadora foi Fonteíña II, de Carlota Fontenla, da Estrada, que quedou en primeira posición por diante de Pichi, de Alfonso Vázquez de Teixeiro, e de Mora, de Nohara Alejandra Puso, de Tomiño. Na categoría de sementais Alfonso Vázquez volveu repetir podio co seu primeiro posto para Comanche e terceiro para Campero de Esteiro, mentres que o segundo clasificado foi Chocolate FR, de Brais Laya, da Estrada.

Emocionante tamén o concurso morfolóxico de cans de palleiro, no que as e os exemplares participantes disputábanse un oco nalgunha das catro categorías establecidas, así como o título de Can do Día, que foi para Narco de Laracha, de Francisco Ponte, que repetiría como gañador masculino e absoluto na clase aberta, de exemplares de máis de 18 anos e confirmados como aptos para a reprodución. A raíña da categoría feminina nesta clase foi Aine, de Sergio A. García.

Na clase Moi cachorros (de 3 a 6 meses) Ceo, de Mercedes Lago, quedou en primeira posición na categoría masculina e absoluta, mentres que Xesta, de Iria Grandal foi a primeira clasificada feminina. E Lor de Aveal, de Joaquín Fernández facíase co título de mellor macho e absoluto na clase Xóvenes (de 9 a 18 meses), na que Xesta da Pardiñeira, de Mª Mercedes Seoane quedaba como primeira da categoría feminina.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, salientou que estas iniciativas “serven para achegar o noso gran de area na recuperación e posta en valor das nosas especies autóctonas, algunhas delas unhas grandes descoñecidas para a xente”.

O edil agradeceu á Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, ao Club Can de Palleiro e a todas e todos os participantes o seu esforzo e implicación, así como ao público a súa asistencia e o seu interese.