Éxito da décima edición da Feira de Outono

O Concello de Ponteareas e a organización da décima edición da Feira de Outono felicitan a tódolos participantes e colaboradores que fixeron posible esta nova edición da Feira de Outono conseguindo que fora un éxito e que batira o record de visitantes.

Dende o xoves día 2 ata o domingo 5 de novembro máis de oito mil persoas achegáronse a Ponteareas para participar nalgunha das variadas actividades que se produciron no marco da Feira de Outono.

Unha programación diversa e para toda a familia fixeron posible este resultado máis que positivo. A organización da Feira de Outono, Castelo de Sobroso, Galiza Nova, Sindicato Labrego Galego e o Concello de Ponteareas, apostaron por ofrecer actividades didácticas, lúdicas e gastronómicas que foron dende as charlas que afondaron no coñecemento da micoloxía, ás saídas guiadas, concurso de relatos, a música en directo, showcooking, exposición e degustación de produtos de outono, animación de rúa a cargo de Xanela, e obradoiros para os máis cativos.

No decorrer do magosto do domingo repartíronse máis de cen quilos de castañas e preto de 500 bolos preñados con chourizo.

O roteiro Bocados de Outono organizado pola Concellería de Comercio en colaboración coa Feira de Outno tamén batíu records de participación con máis de dúas mil cincocentas tapas e pinchos vendidos.

A organización comeza xa a traballar na vindeira edición co obxectivo de que a Feira de Outono de Ponteareas siga a medrar cada ano e manteña o nivel de calidade acadado nesta edición. 

A Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, agradece a tódolos participantes e visitantes o seu paso por Ponteareas e valora moi positivamente este tipo de iniciativas que poñen en valor produtos de tempada e de calidade e que promocionan a hostelería, o comercio, o patrimonio natural e a riqueza cultural, entre outros aspectos da vila.

O Concello de Ponteareas seguirá a apostar por iniciativas como esta que, nos últimos anos, enchen de vida Ponteareas cada primeira fin de semana de novembro.