Escape room no Parque da Perillana de Ponteareas con Artefeito e o seu ‘Circo do silencio’

 

 

Escape room no Parque da Perillana de Ponteareas con Artefeito e o seu 'Circo do silencio'

 

  • Será este venres 21 de xullo, das 11.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 21.00 horas, con sesións de 30 minutos cada unha. De balde e sen inscrición previa
  • Pensada para grupos de catro persoas, con esta actividade do programa FalaRedes 2023 búscase potenciar o uso de galego entre a poboación infantil e xuvenil coa oferta de produtos lúdicos

 

O Parque da Perillana de Ponteareas converterase este venres, 21 de xullo, nun vibrante escape room para público adolescente, infantil e familiar. A cooperativa Artefeito chega á vila con ‘O circo do silencio’, unha sala de fuxida que se desenvolverá ao longo de toda a xornada en sesións sucesivas de 30 minutos nunha pequena carpa circense instalada no parque.

 

A actividade forma parte do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2023 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), en colaboración co Concello de Ponteareas. Das 11.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 21.00 horas, catro xogadores por quenda terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completar a misión final.

 

Este escape room parte da historia dun circo máxico que perdeu todas as palabras que lles permitían falar cos animais e crear espectáculos incribles. As persoas participantes interpretarán o papel dun grupo de detectives contratados para investigar o roubo das palabras e terán que atopar pistas, resolver enigmas, descifrar códigos e xogar coa lingua para recuperalas e devolverllas ao circo.

 

Como sinala a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, con esta actividade “búscase potenciar o uso do galego entre a poboación infantil e xuvenil cunha oferta de produtos lúdicos en galego divertidos e actuais, pensados e deseñados para eles e elas”. “O escape room é unha forma interactiva e emocionante de mergullarse na lingua galega mentres se divirten”, engadiu.

 

A actividade será de balde e non é necesaria inscrición previa.