Douscentos metros cadrados de pista de patinaxe de balde para o que aposte por Ponteareas

Douscentos metros cadrados máis de pista de patinaxe e máis de douscentos elementos lúminicos de nadal serán os protagonistas das rúas e prazas de Ponteareas. 

A concelleira de comercio, hostalería e consumo, Inés Vidal, convida a toda a veciñanza da área metropolitana a facer as súas compras de nadal no comercio local e desfrutar así completamente de balde de entradas para a pista de patinaxe que este ano amplíase en sesenta metros cadrados máis.

A inauguración da pista de patinaxe será este xoves día 6 a partir das 16:30 horas na carpa ubicada na Praza Maior. Para potenciar o comercio local Inés Vidal xa repartíu entre todos os locais comerciais e da hostalería as entradas que agasallarán á súa clientela.

Ata o 30 de decembro e en horario de luns a domingo a pista de patinaxe abre as súas portas para que todos os cativos e cativas poidan patinar atendidos polos monitores e monitoras. O horario da pista a partir do día 22 será dee luns a domingo de 11 a 14 horas e de 16 a 21 horas, agás o día 25 de decembro que será soamente de 17 a 21 horas.Dende. o día 7 ata o dia 22 o horario será só de tarde de luns a venres e sábado e domingo mañá e tarde. 

A sesión de patinaxe oscilará entre os 30 e os 45 minutos dependendo da afluencia de público. 

Sorteo de dúas entradas para ver ao Celta

Este mércores día 5 o photocall da pista de patinaxe estará no parque das pombas e todos os que queiran ganar dúas entradas para ir a ver un partido do Celta terán que facerse unha fotografía instantánea e deixar o seu número de teléfono e datas no photocall. Cada fotografía irá asociada a un número que entrará no bombo para proceder ao sorteo á última hora da tarde. A concellería chamará ao afortunado/a para comunicarllo.

Pero a festa non remata aquí e toda a área metropolitana, ademais de participar nas diferentes proposta de lecer e cultura de Ponteareas, queda convidada á inauguración do alumeado de nadal que terá lugar na praza da Música o día 8 ás 18:30 horas acompañada de animación previa co gran espectáculo “O mundo do circo” a partir das 17:30 horas na Praza Maior.

202 elementos lumínicos engalanarán vintesete rúas, cinco rotondas, 42 árbores e oito edificios municipais con 70 arcos, cinco carteis de nadal, 64 báculos, 5 decoracións específicas para rotondas, 42 luces de atrezzo para árbores e oito motivos decorativos para as fachadas municipais completan o total. 

O empeño deste goberno de garantir procesos de transparencia e de libre concurrencia fixo que se tivera que mudar a data da inauguración para garantir os prazos legais. Nun concurso aberto baixo criterios de sostibilidade apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético e alto valor estético, Inés Vidal, valorou a maior vistosidade e o predominio dos cambios de cor e alumeados dinámicos.

Cun investimento total de 30.000€ Ponteareas contará con máis elementos decorativos de nadal e ampliará os arcos nas rúas para que o nadal chegue a cada recuncho da vila. 

O día 8 será o acendido oficial pero a concelleira adianta que se completará nos seguintes días para que toda a cidade vista de nadal.