Dous problemas informáticos alleos ao Concello paralizan a oficina de empadroamento

O Concello reforzou a pasada semana o servizo para dar saída as numerosas solicitudes de certificados e volantes

A Oficina de Empadroamento e Estatística do Concello de Ponteareas ten paralizada a súa actividade desde onte luns como consecuencia de dous problemas técnicos e informáticos alleos ao Concello. A primeira das incidencias foi solventada xa pola administración do Estado, mentres a segunda está sendo atendida pola Deputación Provincial para solucionala á maior brevidade posíbel. Estas incidencias das que o Concello non é responsábel están provocando importantes prexuizos ao servizo e á cidadanía e causando un retraso nas citas programadas.

O Concello reforzou nas últimas semanas a Oficina de Empadroamento e Estatística coa incorporación dun terceiro traballador e a implementación do sistema de cita previa a través da web municipal. Segundo explica o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera “desde o mes de xuño as solicitudes de certificados e volantes de empadroamento incrementáronse exponencialmente tras tres meses de paralización da actividade administrativa e ao unirse a apertura de prazos de diferentes convocatorias nas que se require o certificado de empadroamento”. A día de hoxe as citas previas están xa completas até o 17 de agosto. Pola súa banda o INSS comunicou ao Concello a próxima implementación dun sistema de comunicación entre ambas as dúas administracións que evitarán ás persoas solicitantes do ingreso mínimo vital ter que solicitar certificados de empadroamento no Concello.