Concello e Policía Local establecen as principais liñas de actuación en materia de seguridade cidadá en Ponteareas

  • A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Seguridade, Francisco Represas, mantiveron un encontro con todo o persoal do departamento da Policía Local
  • A modernización tecnolóxica e a mellora das dependencias foron dous dos compromisos asumidos pola rexedora

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o concelleiro de Seguridade, Francisco Represas, mantiveron a pasada semana unha reunión con todo o persoal do departamento da Policía Local, que na actualidade está conformado por 15 policías locais, unha policía local en prácticas, un oficial e unha praza de persoal administrativo.

Durante o encontro, a rexedora debullou ante o equipo as principais liñas de actuación que se manterán durante os vindeiros catro anos en relación coa seguridade cidadá en Ponteareas e recolleu as demandas trasladadas polas e polos axentes co obxectivo de seguir mellorando este servizo imprescindible para a vila.

Nava Castro amosou o seu compromiso coa modernización tecnolóxica e a mellora das dependencias empregadas pola Policía Local e trasladou ao cadro de persoal que se iniciarán de forma inmediata as xestións para acadar melloras para levar a cabo o seu adestramento físico nas instalacións deportivas da vila.

A alcaldesa resaltou a importancia de contar cun corpo de Policía Local eficiente e preparado e a necesidade de dotar ao departamento dos recursos necesarios para que poidan seguir velando pola seguridade e benestar de veciños e veciñas de forma óptima. “Queremos brindar ás e aos ponteareáns unha contorna segura na que poidan desenvolver a súa vida cotiá con tranquilidade e para iso é fundamentar contar cunha Policía Local que dispoña de todas as ferramentas e o apoio necesarios”, recalcou Nava Castro.