Compras en liña, redes sociais, a nube e robótica, protagonistas na aula CeMIT de Ponteareas en xuño

Compras en liña, redes sociais, a nube e robótica, protagonistas na aula CeMIT de Ponteareas en xuño

 

Este mes tamén se realizarán probas presenciais exclusivas para as persoas que remataron algún curso de teleformación na plataforma EMA

 

A aula CeMIT de Ponteareas entra no mes de xuño cunha morea de novos cursos de balde para todos os públicos, actividades diferentes relacionadas con temas actuais coas que achegar as novas tecnoloxías a persoas de todas as idades, reducindo a fenda dixital, “achegando ás persoas maiores ferramentas que poden empregar na súa vida cotiá e facendo que a mocidade goce delas dun xeito responsable e divertido”, explica Benito Márquez, concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

 

A programación mensual da aula arrancou cun curso sobre as compras en internet que se impartiu do 1 ao 3 de xuño. A vindeira semana, a formación estará centrada na iniciación ás redes sociais cun curso que terá lugar do 7 ao 10 de xuño, seguido dun taller sobre creación de blogs con Bloggler do 14 ao 17 de xuño.

 

Os días 21, 22 e 23 de xuño as persoas interesadas poderán aprender a usar a nube e a manexar Dropbox e Drive. Ademais, o programa rematará do 28 ao 20 de xuño cun curso de Robótica Lego dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, co que poden comezar as vacacións estivais dun xeito lúdico e educativo. Por outra banda, o 6 de xuño realizaranse probas presenciais exclusivas para as persoas que remataron algún curso de teleformación na plataforma EMA.

 

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns.