Chega a Ponteareas ‘Xeración D’, a campaña itinerante para impulsar as competencias dixitais

Chega a Ponteareas ‘Xeración D’, a campaña itinerante para impulsar as competencias dixitais

A unidade móbil da campaña estará do 3 ao 5 de maio na rúa Concha Brey

Ponteareas acolle a vindeira semana a visita dunha unidade móbil de ‘Xeración D’, unha campaña itinerante que busca impulsar o desenvolvemento das competencias dixitais a través de xogos e actividades que permitirán ás persoas participantes afondar nas súas habilitades dixitais, sacarlles partido e coñecer novas ferramentas que axudan a melloralas.

O autobús estará situado na rúa Concha Brey os vindeiros 3 e 4 de maio de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas e o venres 5 de 10.30 a 14.00 horas. Obradoiros, xogos e actividades están pensados especialmente para persoas desempregadas, mulleres maiores de 45 anos, persoas maiores… “procurando así rachar coa fenda dixital e ofrecendo multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais, aplicábel a todos os ámbitos da vida cotiá”, como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

A actividade será de balde e terá unha duración de entre 30 e 40 minutos. A unidade móbil está equipada con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. Unha experiencia que se axustará ás necesidades de cada persoa usuaria tras facer un test de autodiagnose para coñecer o nivel de competencias dixitais.

As persoas participantes enfrontaranse a xogos e actividades de todos os niveis, dende aprender a realizar unha busca óptima en internet ata a fuxir das fake news, optimizar o uso das redes sociais ou xestionar a identidade dixital. As e os asistentes poderán participar nun scaperoom na que terán que poñer en práctica o aprendido para resolver o xogo e saír da sala.

Para participar os colectivos interesados só deberán confirmar a súa asistencia e escoller o horario que mellor se adapte ás súas necesidades a través da web da campaña, con un máximo de 15 persoas por grupo.