Banastra e Concello de Ponteareas organizan o sábado 6 de novembro unha festa de Samaín

 

Os nenos e nenas poderán facer truco o trato durante todo o día nos locais que forman parte da federación

 

Banastra, a federación do comercio, hostalería e servizos de Ponteareas, organiza o vindeiro sábado 6 de novembro xunto ao Concello unha festa de Samaín con actividades para todo o día. A xornada comezará ás 11.00 horas na praza de abastos cun obradoiro de cociña terrorífica que rematará ás 13.00 h, de 17.00 h a 19.00 h haberá un obradoiro de maquillaxe terrorífico e de figuriñas monstruosas na Praza Maior, e ás 20.00 h, no mesmo lugar, os mozos e mozas e os adultos e adultas poderán presumir dos seus disfraces nun concurso. Ademais durante toda a xornada os nenos e nenas poderán facer truco o trato nos locais que forman parte de Banastra. En caso de choiva a xornada será trasladada ao vindeiro venres. 

 

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, e o de Eventos, Miguel Bouzó, agradecen a Banastra “o seu traballo para organizar esta xornada”, e tamén “por non deixar de realizar actividades para dinamizar a economía da nosa vila”. O edil anima a veciñanza “a sumarse a festa de Samaín de Ponteareas”. Para inscribirse nas distintas actividades é preciso chamar ao 682 824 605 ou contactar a través do correo federacionponteareas@hotmail.com.

 

A organización tamén prepara actividades de baile e de animación infantil para que as rúas de Ponteareas “vivan o Samaín ao máximo”.