Asómate a ventá e debúxanos o que che gustaría ollar!!!

A concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, convoca o concurso de debuxo “Ponteareas dende a ventá”. Este concurso, dirixido a alumnado de primaria de Ponteareas, “pretende recoller as sensacións dos nosos nenos e das nosas nenas sobre a pandemia do COVID-19”, explica Cristina Fernández.

O tema dos debuxos deberá estar relacionado con Ponteareas, coa súa veciñanza e coa situación de confinamento na primavera deste ano 2020 por mor do COVID-19. A concellería suxire que usen como marco unha fiestra na que se poden asomar e reflectir o que lles gustaría mirar dende ela ou o que lles faría ilusión ver. Os debuxos deberán conter unha frase do autor ou autora en galego que non exceda das vinte palabras e que exprese os seus sentimentos nesta etapa na que están privados de asistencia presencial nas escolas.

O alumnado interesado poderá consultar as bases na páxina web do concello na pestaña Ensino, “bases ensino” ou directamente na ligazón https://ponteareas.gal/servizos/ensino/bases-ensino/

Os traballos poderán enviarse por correo electrónico a educacion@ponteareas.gal ou por WhatsApp no número de teléfono 673080865 dende hoxe ao día 8 de maio de 2020.

Un xurado composto por deseñadores/as e creadores/as ponteareáns/as elixirá quince traballos que formarán parte dos calendarios de sobremesa do ano 2021 que a concellería repartirá entre o alumnado de infantil e primaria dos centros educativos de Ponteareas no Nadal deste ano, ademais de formar parte de distintas actividades que programará o Concello. Todas e todos os que participen recibirán un diploma de recoñecemento.

Na páxina web do Concello publicaránse os resultados ao longo da segunda quincena de maio logo de terllo comunicado aos e ás seleccionadas. .