As paradas de transporte escolar de Ponteareas contan con novas marquesiñas

As paradas de transporte escolar de Ponteareas contan con novas marquesiñas

 

O Concello deseñou e instalou estas cubertas en diversos lugares da vila  

 

Ponteareas xa conta con novas marquesiñas para sinalizar as diferentes paradas de transporte escolar da vila. O Concello procedeu á colocación destas instalacións e de mobiliario en diferentes puntos do municipio, todas con laterais de vidro e bancos, cun deseño práctico e funcional para “delimitar as paradas e ofrecer un maior confort ás persoas usuarias”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Estas novas marquesiñas colocáronse en Rañe, na parroquia de Moreira; en Rocha, en Parada; en Santa Leocadia, en Guillade; e no Alto da Gloria, en Fontenla. Ademais completouse a súa instalación coa colocación de indicadores para localizar as escolas unitarias do rural, como as de Parada e Portela en Xinzo e as de Moreira, Ribadetea, Pías e Areas.

 

Dende o Concello estase traballando para dar resposta ás demandas da veciñanza, tanto na zona urbana como no rural, e estas marquesiñas eran unha prioridade, xa que ata o momento “non se dispoñía dun espazo cuberto que permitira que os usuarios e usuarias puideran resgardarse e protexerse das inclemencias do tempo e que servira ao tempo de sinalización”, explica a rexedora, que destacou que “continuaremos redobrando esforzos para atender tamén outras peticións veciñais relacionadas co transporte público”.

 

A colocación destas marquesiñas supuxo un investimento de case 19.000 euros subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.