Aberto o prazo de alegacións ao inventario de camiños, parques e xardíns de titularidade municipal

Ponteareas fai un inventariado dos camiños, parques e xardíns de titularidade municipal

Trala súa aprobación inicial no BOPPO, as parroquias poderán consultar o plano impreso do seu centro cultural e presentar alegacións

Hoxe inicia o período de alegacións ao inventario de camiños, parques e xardíns de titularidade municipal de Ponteareas, un documento aprobado inicialmente polo Pleno que actualiza a relación de bens municipais que actualmente está en vigor e que data de 1958.

Coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ábrese un período de exposición pública de 15 días hábiles antes da súa aprobación definitiva. Tras as xuntanzas do equipo técnico redactor en todas as parroquias para contrastar o documento cos usos habituais en cada unha delas, o Concello de Ponteareas pon á disposición da veciñanza os planos impresos de cada parroquia aprobados inicialmente. Estarán dispoñibles en cada casa ou centro cultural ponteareán para facilitar ás veciñas e veciños a súa consulta e a presentación de alegacións se procede. Tamén se poden consultar fisicamente na Oficina Técnica Municipal e electronicamente no portal de transparencia do Concello, na pestana de Patrimonio.

Cun custe de 52.000 euros, financiados ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, o proxecto permitiu catalogar os bens e espazos de titularidade municipal despois de varios meses nos que se levaron a cabo os traballos de investigación, identificación, comprobación, revisión, actualización e ordenación dos bens a incluír neste Inventario Municipal de Vías Públicas do Inventario de Bens do Concello de Ponteareas.

Por outro lado, o traballo de recompilación completouse coa creación dun proxecto SIX para a súa inclusión nunha ferramenta informática que permita unha correcta xestión de todos os espazos e bens  e que contén cartografía catastral, fotografías de cada camiño e vías municipais, parques e xardíns inventariados, entre outros aspectos.

O goberno local celebra a aprobación inicial deste documento, xa que “era unha necesidade urxente contar cun rexistro real dos espazos e dos bens inmobles municipais para ter un maior control e seguimento sobre eles e unha organización dos investimentos adaptados á realidade”.