A Xunta mantén o peche perimetral en Ponteareas

Este venres o número de casos activos sitúase en 54

A concelleira de Saúde de Ponteareas e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, analizou coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade da Xunta a evolución da pandemia na localidade no encontro semanal que ambas administracións manteñen.

Segundo os datos que trasladou a Xunta ao Concello de Ponteareas, o número de casos oscila nesta última semana arredor do medio cento, sendo neste venres a cifra de 54. Isto implica unha incidencia acumulada próxima a 250.

Na actualización das restricións realizada pola Xunta, pendente de facerse oficial coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, Ponteareas continuará en situación de peche perimetral, o que implica que a hostalaría poderá permanecer aberta ata as 17h, unicamente cun aforo do 50% no exterior e con grupos de máximo catro persoas, conviventes ou non. Ademais, en todos os ámbitos, os grupos nos encontros sociais non poden superar as catro persoas, mantendo o distanciamento interpersoal, o uso da máscara e as medidas de hixiene.

A pesar do interese amosado pola concelleira Cristina Fdez. Davila, a Xunta sinalou no encontro virtual desta semana que, aínda que non o descarta, non ten previsto polo momento a realización de cribados con probas PCR masivas á poboación de Ponteareas. O goberno local manifestou unha vez máis a súa total disposición a colaborar para que estas se poidan realizar á veciñanza, detectando así ás persoas asintomáticas que poidan estar contribuíndo á expansión da COVID-19 na localidade.