A ludoteca municipal amplía o prazo para inscribirse nas actividades de verán

A ludoteca municipal abre as súas portas para pasar un verán cheo de aventuras e diversión

 

As persoas interesadas poderán anotar aos nenos e nenas durante toda esta semana, aínda que o proceso de matrícula continuará aberto nos meses de xullo e agosto

 

A ludoteca municipal abre as súas portas para pasar un verán cheo de aventuras e diversiónA ludoteca municipal acaba de ampliar o prazo de inscrición para participar nas actividades programadas para este verán, nas que cativos e cativas de 6 a 12 anos poderán desfrutar dun mes de xullo e agosto cheo de aventuras e diversión, sempre en grupos pequenos e cumprindo con todas as medidas de prevención dada a situación sanitaria. As persoas interesadas poderán anotar aos nenos e nenas nestas actividades ata o vindeiro 2 de xullo, aínda que o proceso de matrícula continuará aberto nos meses de xullo e agosto sempre que haxa prazas para aqueles rapaces e rapazas que se queiran ir sumando.

 

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, anima á veciñanza a inscribir aos cativos e cativas na ludoteca municipal para que gocen dun verán de lecer activo, lúdico e tamén educativo.

 

As inscricións poderán realizarse de 09.00 a 15.00 horas nas instalacións da ludoteca na Avenida de Castelao, enviando un correo electrónico a ludoteca@ponteareas.es ou no teléfono 673 79 47 60.

 

A programación de verán da ludoteca arranca o vindeiro luns 5 de xullo con  xogos, manualidades, repostería e cociña, expresión corporal e musical, saídas… e unha morea de actividades coas que os nenos e nenas desfrutarán das vacacións estivais. As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto e poderá elixirse entre unha mañá ou dúas á semana. Os martes e xoves estarán destinados a nenas e nenos de 6 a 9 anos e os luns e mércores aos de 9 a 12 anos. A taxa por neno e mes é de 14,64€ por unha mañá completa ou de 29,28 en caso de acudir dúas.

 

Para a inscrición é imprescindíbel achegar fotocopia do DNI de pai/nai ou titor/titora do menor; fotocopia do DNI da nena ou neno usuario da ludoteca; fotocopia do libro de familia e os impresos que se proporcionan na ludoteca, que deben entregarse cumprimentados e asinados.

 

A ludoteca municipal é un espazo lúdico e educativo que dende 1998 ofrece unha ampla variedade de actividades de lecer nas que as nenas e nenos son os protagonistas. Sempre cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental.