A concelleira de Ensino presentou este grupo que nace para loitar polos dereitos das persoas con trastorno de aprendizaxe
As familias poderán contactar coa asociación para ter todo o respaldo das terapias e actividades que se organicen
A concellaría de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, presentou a asociación “Móvete polos nosos fillos”, que nace para loitar pola visibilidade e polos dereitos das persoas afectadas polo trastorno de aprendizaxe TDAH nas comarcas do Condado, da Paradanta e da Louriña.
A asociación nace co apoio de profesionais do eido educativo e da psicoloxía que desenvolven o seu traballo na nosa vila como Ángeles Lores ou Betty Gil ademais de contar coa colaboración de distintas asociacións.
“É difícil comprender se non se coñece. Se as persoas qe conviven cos nosos nenos e nenas afectadas de TDAH nas escolas, nas actividades extraescolares, os futuros amigos e amigas deles, descoñecen as características da súa persoalidade e do seu comportamento, será difícil conseguir comprensión, proximidade, implicación e incluso admiración polas súas capacidades”, explicou Cristina F. Davila.
Durante a xornada de participación os e as participantes puideron coñecer como se vai desenvolver o traballo da asociación a través de tres comisións: unha educativa e de apoio escolar, outro de ocio e tempo de lecer e, por último, a través da comisión psicoterapeuta.
As familias asociadas gozarán das terapias e actividades que organice a asociación obtendo todo o respaldo preciso para unha mellora do día a día. Para contactar coa asociación deberán facelo mediante correo electrónico movetepolotdah@gmail.com ou por teléfono no 643 15 29 05
Ademais, os pequenos e pequenas asistentes puideron gozar de actuación músicais terapéuticas e dun obradoiro de confección e personalización de mascariñas.
A concelleira valorou moi positivamente o traballo destas familias e dos e das profesionais que forman “Móvete polo TDAH” e manifestou o seu total apoio para conseguir xuntos unha sociedade máis inclusiva e tolerante.
“Dende a concellería de Ensino, Eventos e Saúde que dirixo, así como a de Benestar Social de Verónica Carrera prestaremos todo o noso apoio e respaldo a esta iniciativa e seguro que teremos oportunidade de traballar con vós de xeito transversal en aquelas áreas que como Mocidade e Voluntariado, Deportes, Cultura ou Medioambiente dará posibilidades de realizar colaboracións moi interesantes”.