15 mulleres participan nun itinerario formativo para o emprego en colaboración con Cruz Vermella e Smurfit Kappa

15 mulleres participan nun itinerario formativo para o emprego en colaboración con Cruz Vermella e Smurfit Kappa

 

O curso, que contou coa cooperación do Concello de Ponteareas, ten por obxectivo favorecer a integración das mulleres no mercado laboral

 

15 mulleres participan nun itinerario formativo para o emprego en colaboración con Cruz Vermella e Smurfit Kappa O Concello de Ponteareas colaborou co Plan de Emprego de Cruz Vermella e a empresa Smurfit Kappa para a posta en marcha dunha acción formativa coa que se busca favorecer a integración das mulleres no mercado laboral, coñecendo o contexto no que se desenvolve a ocupación e o achegamento á cultura do mundo laboral. Este curso de ‘Operaria/o de industria de cartón’, na que participan 15 mulleres de diversos concellos, desenvolveu a súa parte teórica no Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas. Nestes intres as participantes están a realizar a formación práctica no centro de traballo no Porriño de Smurfit Kappa, empresa especializada na industria da embalaxe.

 

A concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, felicitou ás mulleres integrantes desta formación polo seu esforzo e tesón para buscar a reincorporación ao mundo laboral nun ámbito tan difícil como o industrial. “É imprescindible que entre todas as administracións e organizacións cooperemos para tentar poñer fin a unha crise social e económica que prexudica enormemente ás mulleres. Por este motivo agradezo persoalmente a Cruz Vermella e Smurfit Kappa esta iniciativa e invito a outras empresas a sumarse a proxectos tan interesantes coma este”, afirmou Vanesa Fernández.

 

Este curso está enmarcado no itinerario ‘Pontes cara ao emprego: itinerarios pola igualdade’, unha iniciativa dirixida ao fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no mercado laboral, promovendo a participación de aquelas mulleres que, por diversas circunstancias, están máis afastadas do mercado laboral, converténdose nun colectivo de risco (responsables de familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, inmigrante e/ou maiores de 45, con baixa ou nula cualificación, con escasa ou nula experiencia laboral…). As súas situacións de vulnerabilidade e os seus baixos perfís de empregabilidade fan necesarias respostas específicas e especializadas que compensen as desigualdades.

 

15 mulleres participan nun itinerario formativo para o emprego en colaboración con Cruz Vermella e Smurfit Kappa