Ponteareas asina un convenio de 421.291€ coa Deputación para a mellora do entorno da piscina e accesos ao centro de saúde

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva asinaron hoxe o convenio do programa DepoRemse para a reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do centro deportivo municipal (complexo deportivo Álvaro Pino) e a mellora da accesibilidade ao Centro de Saúde e espazos públicos anexos contará cunha achega da Deputación de 421.291.

A Deputación impulsou esta iniciativa que vai permitir remodelar rúas, viarios e espazos públicos a fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, deportivo e sanitario, zonas que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado. “De todos os proxectos presentados o noso resultou elexido ao tratarse dunha obra que busca unha mobilidade sostible que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil”, explica o Alcalde.

O importe total do proxecto é de 526.614,11 euros. O restante, 105,323€, serán financiados polo concello con cargo do programa europeo “Ponteareas habitat saudable” por ser un proxecto que vai na mesma liña e estratexia que persegue a mellora dos espazos públicos, favorecer modos de accesibilidade non motorizados, a ordenación das circulacións e os usos de estacionamento e aparcamento e potenciar o acceso cara os importantes centros de equipamento do ámbito así como as sendas peonís.

A intervención realizarase sobre 35.000 metros cadrados nos que se optimizará o tránsito rodado tanto a nivel de calzadas como de aparcamentos e nos que se mellorará os aspectos paisaxísticos e se priorizará os espazos de convivencia. 2.850 m2 de beirarrúas, 1.750 m2 de zonas verdes, 4.800m2 de calzadas e aparcamentos, 27 farolas, canalizacións, colectores e pavimentación entre outras obras que se realizarán nesta contorna que ofrecerá na súa totalidade 114 prazas para estacionamento.

A Tenente de Alcalde e concelleira de Vías e Obras, a socialista Chus Garrote, indica que o proxecto incluirá tamén o derribo dunha construción que con anteriores gobernos foi oficina de turismo e que agora está pechada por ameaza de ruina.

Para o goberno local este é un exemplo máis do traballo en colaboración con outras administracións que valoran os proxectos que Ponteareas presenta como recoñeceu a Unión Europea e neste caos tamén a Deputación.