ENSINO

Concelleira de Ensino: Ricardo Gonzalez Alonso

Correo-e.: educacion@ponteareas.gal

A Concellería de Ensino ten un compromiso con todas as ponteareás para que accedan en condicións de igualdade de oportunidades ao ensino, polo que asume todas as competencias que lle corresponden en materia educativa e ofrécelles aos centros escolares todos os recursos dos que dispón, ademais doutras propostas e actividades.

Coopera coas demais administracións competentes en materia educativa para atender ás obrigas que ten o Concello respecto aos centros escolares nos niveis de educación infantil e primaria e participa no desenvolvemento de programas e recursos para a mellora da calidade do ensino: de tipo lúdico-deportivo (Brincamos, Cros escolar…), de tipo educativo (Correlingua, Semana das Ciencias, Erasmus +, Proxecto das Meninas, …), concursos (pintura, poesía, relato…), de tipo lúdico (Campus-Tea, Aula Matinal e Comedor Escolar, para a conciliación da vida familiar e laboral).

En concreto:

  • Xestiona axudas e subvencións municipais en relación co ensino (sobre todo na etapa de Educ. Infantil).
  • Informa sobre calquera das actividades impulsadas ou organizadas pola Concellería, participación en programas e actividades nas que colabore o Concello, requirimentos para beneficiarse das subvencións convocadas polo Concello en materia educativa, etc.
  • Promove, organiza e coordina actividades educativas dirixidas ós centros de ensino, asociacións, colectivos de nais e pais e veciñanza en xeral. Actividades dirixidas ao coñecemento da vila, a animación á lectura, actividades de lecer e tempo libre ou exposicións.
  • Vela pola escolarización de todo o alumnado de Ponteareas, colaborando coa Concellería de Servizos Sociais e a Inspección Educativa.

CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL

Ademais, Ponteareas quere implicar aos colectivos sociais relacionados coa elaboración e execución da política educativa municipal, polo que no ano 2012, aprobase o Regulamento do Consello Escolar Municipal de Ponteareas (CEMP) que supón un importante instrumento de expresión directa da cidadanía nas propostas e toma de decisións que teñen que ver co ensino.

O Consello Escolar Municipal representa aos protagonistas directos da acción educativa para asegurar a fluidez de comunicación cos Consellos escolares de centros e acadar, por outra banda, un alto nivel de interlocución co propio Goberno Municipal, co obxectivo de buscar entre todos e todas (a institución municipal, profesorado, alumnado, nais, pais, etc.) un ensino de calidade.

O CEMP configúrase como un organismo de asesoramento, consulta, proposta, información e participación sobre o ensino non universitario no ámbito territorial do Concello.