O goberno reúnese co tecido empresarial para presentar o documento do PXOM logo de dar cumprimento ás esixencias da Xunta de Galicia

O Alcalde de Ponteareas e a Tenente de Alcalde e concelleira de Urbanismo reúnense este luns día 26 co tecido empresarial para presentarlles o documento do Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) logo de dar cumprimento ás modificacións impostas pola Xunta de Galicia.

Tras ter presentado o documento á comisión informativa de urbanismo, Xosé Represas e Chus Garrote queren que tanto os empresarios como a cidadanía coñezan o documento resultante unha vez aplicadas as modificacións requeridas impostas pola Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Alcalde e Tenente de Alcalde, acompañados dos técnicos redactores do PXOM e dos técnicos municipais así como de outros concelleiros do goberno, explicarán o resultado de aplicar os cambios imprescindibles para que a Xunta de Galicia o autorice. 

Represas e Garrote reúnense mañá ás 19 horas cos empresarios no salón de plenos, que como creadores de emprego, deben coñecer como se resolve o solo industrial da Lomba e tamén a regularización das actividades industriais dispersas en distintos puntos do concello (Angoares, Areas (Picoto, Ganade e Alemparte), Arcos, Confurco e Prado). Nos vindeiros días o colectivo empresarial recibirá as comunicacións municipais a este respecto.

A pesar de que este documento non satisfai as expectativas do grupo de goberno,  presentarán o documento indispensable para a súa aprobación e que segue a normativa vixente ante a veciñanza nun encontro aberto no auditorio municipal o vindeiro xoves 29 ás 19 horas.

“Para sair da parálise da situación actual que prexudica gravemente o emprego e impide que Ponteareas medre e para dar garantía xurídica a diferentes situacións, a única solución é contar cun plan de ordenación sen máis demoras. O período de alegacións xa concluíu. A Xunta rexeitou o documento aprobado en pleno donde se recollían a maioría das alegacións. Só nos queda tramitar o documento que a Xunta admite para poder comezar a medrar. Non podemos seguir nesta situación. A Xunta obriga a reconducir o documento nos termos que agora expomos. É a única saída ao bloqueo urbanístico”, matiza Chus Garrote.