Ponteareas organiza a súa primeira xornada de formación e emprego para a mocidade

 

Baixo o lema “Que facer co meu futuro?” axudará a mellorar a empregabilidade da mocidade na contorna

 

Ponteareas organiza a súa primeira xornada de formación e emprego para a mocidadeO Concello de Ponteareas pon en marcha a 1ª Xornada de formación e emprego “Que facer co meu futuro?”, que terá lugar o vindeiro 6 de xuño na sala multiúsos do Auditorio Municipal.

 

Organizada polas concellarías de Formación e Emprego e Mocidade, a xornada estará dividida en 3 eixos fundamentais. A mañá comezará da man da orientadora laboral Clara Isabel León, que axudará aos asistentes a comprender o funcionamento do Servizo Público de Emprego de Galicia e como utilizalo como un aliado na procura dun emprego de calidade.

 

Sonia Román Hermida, consultora de Recursos Humanos en Gi Group, falará dos pasos e estratexias a seguir para contactar directamente coas empresas e presentar unha candidatura espontánea.

 

Finalmente, será a orientadora educativa no CIFP Valentín Paz Andrade, Betina Represas, quen achegará a súa visión sobre a formación profesional, unha alternativa que pode abrir moitas portas á nosa mocidade.

 

A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, sinala que “esta é unha ocasión única para mellorar a empregabilidade e atopar novas oportunidades laborais”. Pola súa parte, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, destacou que a xornada supón “un novo paso na aposta decidida deste Concello por facilitar o futuro das mozas e mozos”.

 

As inscricións están abertas e pódense realizar chamando ao 986 661 050 ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 687 764 516.