Ponteareas oferta 420 prazas nos campamentos para este verán

 

O Concello terá aberto ata o 10 de xuño o prazo de preinscrición no Campus Tea e no Verán Rural

 

Ponteareas ofrece 420 prazas nos campamentos para este veránPonteareas continúa coa súa aposta por ofrecer cada verán “unha alternativa de lecer lúdica e educativa para os nenos e nenas durante as vacacións estivais ao tempo que se facilita a conciliación familiar e laboral”, como sinala a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila. Con este obxectivo, o Concello abre dende este luns 30 de maio ata o vindeiro 10 de xuño o prazo de preinscrición tanto para os campamentos do Campus Tea como para os de Verán Rural, que este ano ofrecerán 420 prazas en diferentes espazos do núcleo urbano e das parroquias.

 

Todos os campamentos, subvencionados pola concellaría de Ensino, están dirixidos a cativos e cativas de entre 3 e 12 anos en horario de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar aula matinal de 07.30 a 09.00 horas no caso do Campus-Tea. Será precisamente este campamento o que se desenvolva nas instalacións do CEIP Nosa Señora. dos Remedios de Ponteareas en catro quendas de 15 días que van dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto. O prezo será de 48 euros por participante.

 

Pola súa banda, o Verán Rural rotará por diferentes casas culturais das parroquias de Ponteareas: do 1 ao 15 de xullo estará no Centro Cultural de Angoares, do 16 ao 31 de xullo no Centro Cultural de Xinzo, do 1 ao 15 de agosto no Centro Cultural de Areas e do 16 ao 31 de agosto no Centro Cultural de Guláns. Estes campamentos terán un prezo de 39 euros por participante.

 

Davila anima a todas as familias a inscribir aos nenos e nenas nestes campus “deseñados cunha programación que combina o xogo e as saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento da contorna a través pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e en hábitos saudábeis”.

 

As bases e o impreso de Preinscrición dos campamentos (Anexo I) poderán obterse de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h na Oficina de Ensino, no andar baixo do Concello de Ponteareas; no Rexistro Xeral ou ben directamente na Sede Electrónica do Concello de Ponteareas. Tamén poden consultarse na web municipal.

 

A listaxe provisional de admitidos e admitidas, así como a lista de agarda en caso de habela, publicaranse o vindeiro 17 de xuño nos taboleiros oficiais do Concello e na páxina web municipal. A lista definitiva publicarase o 23 de xuño, momento no que se abrirá o prazo de inscrición, achega de documentación e abono da cota.