O Rock na rúa arrinca esta fin de semana co debut do grupo ponteareán “Exeria”

Serán cinco concertos que amenizarán os sábados as rúas dinamizando comercio e hostalaría local

 

Ponteareas prepárase para vivir unha nova edición do “Rock na rúa”, unha serie de concertos organizados pola asociación Rock in Río Tea e o Concello de Ponteareas que amenizarán durante cinco sábados as rúas da vila. Este sábado 28 de maio, ás 21 horas na Praza Fernández Vega, o grupo ponteareán “Exeria” dará o pistoletazo de saída a esta serie de concertos, no que ademais será o debut do grupo.

 

Tras o concerto inicial, a banda portuguesa “The Vaults” traerá o seu rock a Ponteareas o 4 de xuño, o grupo ponteareán “Errantes” tomará o Paseo Matutino o sábado 11 e “Enxeito” chegará dende Bueu o 25 de xuño para amenizar a noite na rúa Vidales Tomé. O ponteareán “Hugo GZ” porá o broche a esta edición o 2 de xullo na Praza Bugallal. Todos os concertos terán lugar ás 21 horas de xeito totalmente gratuíto.

 

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, salientaron na súa presentación o “impacto positivo desta actividade en Ponteareas, xa que ademais de ser unha iniciativa cultural que sirve de escenario para artistas locais, supón unha dinamización do comercio e a hostalaría local, enchendo de actividade as nosas rúas”.