Ponteareas aproba a modificación orzamentaria para crear un fondo destinado ao fomento do emprego grazas á renuncia ao soldo do alcalde

Case 29.000 euros estarán destinados, no que resta de ano, á subvención da creación de postos de traballo para os veciños e veciñas da vila

A sesión plenaria, na que se aprobaron todos os puntos que se recollían na orde do día, tamén serviu para que a concelleira de Cultura aclarara a situación das axencias de lectura

pleno-de-organización-2O Concello de Ponteareas celebrou o primeiro pleno ordinario da lexislatura na pasada tarde de martes, 21 de xullo. A sesión contou cunha importante afluencia de público e serviu para aprobar todos os puntos que se recollían na orde día da mesma, axilizando desta maneira varias xestións relacionadas con distintas parcelas municipais.

Unha delas ten que ver cunha das primeiras medidas que o alcalde, Xosé Represas, tomou cando ocupou o cargo. A renuncia por parte de Represas a cobrar seu soldo como alcalde, que tamén foi unha das promesas que fixo durante a campaña electoral, permitirá crear unha partida orzamentaria de 28.762 euros destinada a subvencionar a creación de postos de traballo na vila. A modificación orzamentaria precisa para facer efectiva tal decisión aprobouse na sesión plenaria de onte por maioría.

Dita modificación no orzamento tamén contempla a partida que o Concello de Ponteareas ten que asumir para aproveitar a subvención concedida polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, e que posibilitará a instalación dunha caldeira de biomasa na Escola Infantil Municipal.

Na orde do día tamén estaban recollidas varias peticións de intervención de membros do goberno municipal.

Un destes membros foi Hortensia Bautista, concelleira de Cultura, quen a petición do grupo popular detallou o estado actual das axencias de lectura das diferentes parroquias e a actividade que teñen durante o verán. Bautista, ante a acusación do grupo popular de abandono destas axencias durante o verán, lembrou que os traballadores e as traballadoras destes centros foron obrigados a compatibilizar as súas funcións nas axencias con outras que desenvolven en diversos centros culturais dende o ano 2010, unha decisión tomada polo anterior goberno municipal e que limita a capacidade das propias axencias municipais.

A edil de Cultura quixo detallar a actividade e o calendario de vacacións que tiveron estas axencias durante o verán de 2014, co anterior executivo local, o cal foi respectado pola concelleira tamén para este ano por falta de tempo para organizar outro horario. Bautista aproveitou para recordar que no pasado ano 2014, a Axencia de Lectura Municipal de Ribadetea estivo pechada dende o mes de abril até o mes de outubro, sen poder realizarse ningunha actividade neses meses.

Os traballadores e as traballadoras destas axencias están, durante estes meses de verán, realizando actividades de dinamización da Biblioteca e do Museo Municipais, ademais de axudar no desenvolvemento de diversas visitas guiadas.

A intención da concellería de Cultura é que as Axencias de Lectura Municipal teñan actividade durante o verán, polo que se farán as xestións de persoal precisas para solucionar un problema que só prexudica aos cativos a ás cativas das parroquias da vila.