Cine, deporte, música, andainas, mostras e animacións infantís para un programa que busca recuperar a rúa como escenario principal das actividades
O Concello de Ponteareas presentou este martes, 21 de xullo, a programación cultural que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto na vila do Tea. A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, acompañada polo alcalde, Xosé Represas, foi a encargada de facer público “un conxunto de actividades que terán a rúa como escenario prioritario”.
A programación está pensada e deseñada para todos os públicos. Cine, deporte, andainas, mostras e animacións infantís amosan o carácter aglutinador dun programa que, “como non podía ser doutra maneira, terá a música como elemento principal”. Dende a concellería de Cultura traballouse coa vontade de “ofrecer a moitos músicos e artistas locais a oportunidade de darse a coñecer a través desta programación, ademais de non esquecer o compromiso coa tradición, tal e como queda demostrado coa terceira edición do Festival Groba, organizada pola Fundación Rogelio Groba entre os días 8 e 14 de agosto e que contará cun concurso para novos violinistas”.
Bautista definiu a programación como “ampla e necesaria, pois as rúas durante o verán en Ponteareas estaban practicamente baleiras e con este plan o que queremos é encher a rúa con actividades”.
A edil ponteareá quixo salientar a posta en marcha de actividades como “Coñece Ponteareas”, que permitirá que “aqueles veciños e veciñas que se instalaron hai pouco na nosa vila poidan coñecer un pouco máis o patrimonio natural e histórico da mesma grazas a andainas que percorrerán o casco urbano e parte das parroquias do municipio”.
A cuarta edición do Festival de Jazz, que terá lugar os días 21 e 22 de agosto e que contará con máis de vinte actuacións diferentes; a primeira do Festival Internacional “Danzando entre culturas”, que se celebrará o vindeiro 2 de agosto; e a exhibición de skate e grafitis, que se celebrará o 28 de agosto, destacan entre un rico conxunto de actividades que procura ser “útil para o comercio e hostalería da vila, pois son os sectores que máis emprego crean no municipio”, tal e como afirmou o alcalde, Xosé Represas.