Ponteareas aproba a ordenanza municipal do servizo de taxi

pleno-de-organización-1O pleno aprobou por maioría unha ordenanza que permitirá aplicar tres taxas diferentes nos taxímetros

A concellería de Mobilidade, dirixida por Vanesa Fernández, tentará mellorar esta ordenanza no futuro de cara a conseguir o maior consenso posible co sector

O pleno municipal de Ponteareas aprobou por maioría a ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi. A proposta foi presentada ao resto da corporación pola concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, e nela se fixo referencia á urxencia desta medida para poder aplicar as taxas correspondentes nos taxímetros destes vehículos. A entrada en vigor desta ordenanza permitirá establecer tres tarifas diferentes: unha urbana, unha interurbana e outra nocturna.

A aprobación desta ordenanza na sesión plenaria tamén estivo acompañada da desestimación por parte da cámara das reclamacións dunha das asociacións que compoñen este sector na vila de Ponteareas. A concelleira reunise con representantes da mesma nos días previos á celebración do pleno, explicándolles a necesidade de sacar adiante esta ordenanza para actualizar as taxas e manifestando a intención deste goberno municipal de modificar aqueles puntos que sexan convenientes nun futuro, de cara a conseguir o maior consenso posible cos profesionais que prestan este servizo. Os representantes desta asociación coincidiron coa argumentación exposta pola concelleira e expresaron que neste momento o que prima é a urxencia da aprobación da ordenanza, por encima das súas propias alegacións ao texto.

Dende a concellería existe o “firme compromiso de falar con todos os actores implicados para tentar mellorar, todo o que sexa posible, a ordenanza que agora se aproba”. Ditas melloras pasan, entre outras cousas, por unha “liberalización das paradas de taxi municipais e por unha redución do número de licenzas existentes neste momento, xa que o municipio conta con máis vehículos de taxi dos que realmente necesita en relación ao seu número de habitantes”.