A Policía Local de Ponteareas colaborou na campaña da DXT sobre o uso do cinto de seguridade

Os axentes ponteareáns destacan o alto grao de cumprimento da normativa de seguridade por parte dos condutores/as do municipio

A Policía Local de Ponteareas, que dirixe a concelleira Vanesa Fernández Soage, desenvolveu, entre os días 13 e 19 de marzo, diversos controis que tiñan como obxectivo concienciar a condutores e condutoras da necesidade de utilizar o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil nos vehículos.

No tempo que duraron estes controis, que formaban parte do convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), informouse aos condutores/as e ocupantes dos vehículos, da necesidade de utilizar o cinto de seguridade. Ao mesmo tempo, nos coches nos que viaxaban nenos pequenos, os axentes controlaban a correcta colocación dos sistemas de retención infantil e informaban a nais e pais dos riscos da mala utilización dos mesmos.

Se ben os axentes da Policía Local ponteareá tiveron que realizar a correspondente denuncia contra os condutores/as que non levaban posto o cinto, o certo é que a valoración feita pola propia Policía “é moi positiva” xa que, segundo sinalou a concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, “puideron constatar que a maioría dos condutores e condutoras respectan as normas de utilización do cinto de seguridade”.

Este feito, engade Vanesa Fernández, “amosa a utilidade das campañas que, por parte da Policía Local estanse a desenvolver sobre a seguridade nos vehículos”. Nese sentio, a concelleira de Tráfico lembraba a “boa resposta” que tivo a charla impartida pola Policía Local sobre os sistemas de retención infantil.