O Goberno de Ponteareas propón recoñecer 650.00 euros de débedas atrasadas mediante unha modificación do orzamento

511.727 euros son destinados ao recoñecemento da débeda con acredores adiantada polo Estado no 2012 e 138.114 para o primeiro pago da débeda coa Xunta do investimento da ETAP en 2010

O Goberno local de Ponteareas convoca para o luns, 21 de novembro, a Comisión Especial de Facenda para tratar do recoñecemento de débedas atrasadas por importe de 649.841 euros. A maior dotación, 511.727 euros, teñen como finalidade o recoñecemento de débedas anteriores a 2011, contraídas con diversos acredores, adiantados polo Plan de Pagamento a Provedores en 2012 polo Estado. Este será o segundo recoñecemento neste exercicio 2016 por este mesmo concepto, tras o recoñecemento contable de 773.000 xa contemplada na aprobación dos orzamentos. A contía desta modificación de máis de medio millón de euros sae da partida das prazas vacantes no cadro de persoal.

Por outra parte o Goberno propón outra modificación por importe de 138.114 euros para facer fronte o primeiro pago da débeda de 276.228 euros contraída con Augas de Galicia e que debería terse pagado entre 2010 e 2011. Esta débeda, a que haberá que sumarlle os intereses de demora, correspóndese coa contribución que o Concello de Ponteareas tiña que asumir para a construción da planta de tratamento de auga potable, “débeda sen pagar polo anterior goberno de González Solla e que a pesares dos sucesivos compromisos, nunca figurou na contabilidade municipal”, indica o concelleiro de Facenda, Francisco F. Alonso.